O Castelo

Este conxunto arquitectónico, metade fortaleza medieval, metade palacio neogótico do século XIX, está formado por dúas torres unidas por un edificio habitable e un patio de armas, rodeados por unha dobre muralla.

A súa orixe está vencellada coa figura de Paio Méndez Sorrede. Falamos do século XII, durante o reinado de Afonso VII. Concibida como edificación fortificada de carácter militar e defensiva ata o século XV, evoluciona coherentemente, de torre de defensa a fortaleza con dobre recinto amurallado.

O seu estratéxico emprazamento non se debe á altura ou á inaccesibilidade, senón ás vantaxes ofrecidas por encontrarse escondido ante as posibles invasións realizadas por mar, á súa capacidade para señorear as terras do seu feudo e controlar as comunicacións de sur a norte da provincia, establecidas a través de Pontesampaio e que se dirixían cara ó interior polas beiras dos ríos Verdugo e Oitavén.

fotoMuseo de Pontevedra

PEDRO MADRUGA

Pedro Álvarez de Soutomaior, máis coñecido como Pedro Madruga, foi o personaxe máis singular dos relacionados co castelo. Fixo del a base das súas correrías no século XV, época de máximo esplendor da Casa de Soutomaior.

Converteuse en lenda pola súa intervención en múltiples episodios da historia de Galicia, como os seus enfrontamentos cos irmandiños, coa xerarquía eclesiástica e con outras familias nobres. A el débeselle a reconstrución da fortaleza tras ser destruída polas revoltas irmandiñas no século XV, adaptándoa ao emprego de armas de fogo, introducidas por primeira vez en Galicia.

fotoGravado de Eugenio Vela
fotoMuseo de Pontevedra

ETAPA RESIDENCIAL

Tras tres séculos en declive e total abandono, a finais do século XVIII adquiriu carácter residencial, cando foi adquirido polo marqués de Mos, quen coloca o seu escudo de armas na actual entrada sur.

En 1870 os marqueses da Vega de Armijo transfórmano en residencia de verán, converténdoo nun palacio neogótico no que salientan a capela e a galería de damas. Eles tamén son os responsables da creación do parque e dos xardíns que o arrodean, co fin de dar grandes paseos, sobre todo cando recibían a visita de Afonso XII.

A súa herdeira, María Vinyals e o seu esposo, o doutor Lluria, constrúen un sanatorio nas inmediacións do castelo, que hoxe se converteu en Pousada, así como un serradoiro mecánico e un muíño para transformalo en granxa modélica. Pero as actividades políticas de ámbolos dous fanlles perder a propiedade a principios do século XX, propiciando o progresivo abandono e deterioro da fortaleza.

En 1982 a Deputación de Pontevedra adquire o castelo e as propiedades que o arrodean, levando a cabo unha gran rehabilitación do conxunto, pero mantendo a súa su estrutura orixinal para levalo a fins culturais.

fotoMuseo de Pontevedra
fotoGalería das Damas do castelo de Soutomaior, cara a 1890-1907. Museo Sorolla