“Coa chegada da primavera o encanto do noso parque botánico é aínda máis especial.”

PRIMAVERA NO CASTELO

A primavera enche de enerxía a leira do castelo de Soutomaior; os días son máis luminosos e resplandecentes. As incontables cores das plantas, das aves e dos insectos conquistan todo, e mesmo traspasan as súas inexpugnables murallas. Aínda que as camelias sen van despedindo aos poucos do noso xardín, poderemos ver os exemplares de floración máis tardía ata mediados de maio. A raíña do inverno vailles cedendo o protagonismo a outras especies coma as azaleas e os rododendros, que florecen nesta época do ano.

A temperatura aumenta e un dos seus primeiros efectos é que comezan a saír os lagartos arnais que viven nas murallas do castelo. Pódense ver tomando o sol no patio de armas polas mañás, buscando a calor aparentemente confiados, aínda que sempre cunha vía de escape próxima.

Paga a pena observar ao detalle a aparición dos primeiros brotes multicolores nas árbores caducifolias. É un bo momento para darlles a benvida ás aves migratorias que volven tras unha longa viaxe. As bubelas adoitan ser as primeiras en aparecer polo xardín; veñen criar nesta época e quedan ata finais do verán. Moitos birrios tamén regresan entre abril e maio, xa que o noso castelo é un paraíso para estas aves que aniñan en gretas e buracos dos muros.

Sen dúbida, esta estación é o mellor momento para admirar moitas das marabillas da natureza. No castelo de Soutomaior a harmonía cromática percíbese ao longo das 25 hectáreas de terreo que conforman a súa leira, a cal se coida con mimo e esmero. Ademais, este conta cunha situación excelente, a medio camiño entre Vigo e Pontevedra. A proximidade do mar, das montañas e dos ríos favorece a biodiversidade, que enche de cores e contrastes os días de primavera.

Esta paisaxe histórica caracterízase pola perfecta simbiose do seu patrimonio natural e cultural; as froiteiras do castelo son un claro exemplo desta unión. Agora comezan a florecer e isto atrae unha gran variedade de polinizadores, que axudan a conservar e a reproducir variedades autóctonas en perigo de extinción.

Anímate a vivir a primavera no castelo e lembra que ampliamos o noso horario a partir de maio.

Horarios