As visitas teatralizadas do Samaín volven ao castelo de Soutomaior en outubro

Visitas teatralizadas 2023
Visitas teatralizadas 2023

 

Tras ser un éxito en anos anteriores, repetimos estas actividades para afondar na nosa relación co alén, algo que está dentro da campaña “Orixe Rías Baixas” e das actividades “Mouras e meigas no castelo de Soutomaior”, que poñen en valor o noso patrimonio inmaterial. Esas lendas e contos, que se transmitiron ao longo de séculos de tradición oral, fálannos de seres mitolóxicos e dun máis alá que se achega a nós en outono, cando os días se fan máis fríos e curtos.

No castelo contaremos con dúas modalidades de visitas teatralizadas, ambas as dúas realizadas por Troula Animación, para adaptarnos a calquera tipo de público que queira pasalo ben pasándoo mal.

As primeiras visitas teatralizadas están destinadas a un público de todas as idades, o cal poderá gozar dunha historia terrorificamente divertida. Haberá un total de dezaseis pases, que terán lugar todos os sábados e domingos de outubro, a partir do día 7, en dúas sesións: a de mañá ás 11:30 h e a de tarde ás 16:30 h.

Cando caia a noite será a quenda do público adulto, que porá a proba a súa valentía nunha visita guiada onde nada é o que parece. Estas actividades, recomendadas a partir dos 16 anos, terán lugar todos os venres e sábados de outubro ás 20 h.

As entradas para estas actividades estarán á venda en www.castelodesoutomaior.com e custarán 8 € por persoa.