VERÁN NO CASTELO

Esta paisaxe única que debuxan o Castelo e a súa contorna ten un brillo especial no verán. Cando as temperaturas soben e os días alónganse, as Rías Baixas convértense nun destino ideal. O apracible clima atlántico rara vez supera os 30 graos, e permítenos gozar do paseo por esta impresionante fortaleza e os seus coidados terreos. Valores propios que o converteron nun referente en materia de turismo de calidade, logrando un perfecto equilibrio entre a protección e divulgación dos seus valores patrimoniais e naturais.

"Curas de aire, luz e repouso" foi o slogan do sanatorio Lluria e séguese cumprindo hoxe en día. A visita ao castelo e aos seus xardíns combina lecer, cultura e natureza, o espazo ideal para desconectar no verán cun tranquilo paseo á sombra de árbores centenarias.

En tempada alta ampliamos o noso horario para poder ofrecer diferentes propostas que permiten descubrir os segredos e curiosidades do castelo e os seus xardíns. Recomendámosche comprobar o horario das distintas sesións e facer a reserva na páxina web para asegurar a túa praza, pois ambas son moi demandadas.

Nos arredores da fortaleza, os meses máis cálidos, súmanse ao mosaico de cores estas belas imaxes de bolboretas, que se afanan no seu labor non só nos xardíns, senón tamén no bosque, o viñedo e o pomar (horta de froiteiras). O tema ornitolóxico é tamén moi importante nas paisaxes de cultivo que rodean o castelo. Á súa vez, a colección de froiteiras ofrécenos un achegamento á nosa cultura a través da gastronomía e convídanos a indagar na importancia da conservación de especies e variedades autóctonas. É agora cando a natureza completa o seu ciclo e móstrase exuberante. As flores comezan a dar o seu froito, peras, mazás e ameixas de orixe local. Todos os cultivares móstranse co seu correspondente cartel identificador, para que calquera visitante poida coñecer a variedade de cada exemplar.

O enoturismo tamén está presente, a senda do viñedo ten un encanto especial no verán xa que se atopa na recta final antes da vendima. A nosa subzona é a máis pequena de todas as que compoñen a Denominación de Orixe Rías Baixas, pero mantén as condicións climáticas idóneas para xerar unha uva exquisita. A produción dos terreos nun ano normal sitúase ao redor de 18.000 quilos.

O coidado e esmero na divulgación queda patente en cada recuncho do terreo. O xardín francés excede cor con miles de begonias plantadas a man convertendo a entrada nun traballado tapiz. As hortensias son as raíñas do verán, é un popular arbusto que se dá moi ben na nosa terra. Decoran os camiños que rodean a fortaleza desde hai máis de 100 anos. María Vinyals, no seu libro publicado en 1904 El castillo del Marqués de Mos en Sotomayor…, describe o paseo de hortensias, que xunto co xardín foi parte da súa vida estival dunha maneira similar á que se amosa agora ante nós.