O xardín de camelias con nome de muller

No castelo de Soutomaior rendémoslles homenaxe a grandes mulleres.

A Deputación de Pontevedra propuxo unha iniciativa que nos levou a crear un xardín de camelias co nome de mulleres ilustres na historia, na ciencia, na arte e na sociedade.

Camelia Maria Vinyals

Este proxecto púxose en marcha coa plantación do primeiro exemplar de Camellia japonica 'Maria Vinyals', variedade dedicada á escritora e pioneira do feminismo en España que naceu no castelo de Soutomaior. A ficha técnica da variedade pódese consultar aquí

Camelia Rosalia de Castro

C. hibrida 'Rosalia de Castro': figura fundamental do Rexurdimento da literatura galega no século XIX (1837-1885) e autora de obras inmortais coma Follas novas, En las orillas del Sar e Cantares gallegos; a primeira publicación desta última obra, o 17 de maio, é a data escollida para celebrar o Día das Letras Galegas. Ademais, cada ano en Galicia conmemórase o Día de Rosalía con actos que recordan o seu legado; ten lugar o 24 de febreiro, día do aniversario do seu nacemento.
Ficha técnica

Camelia Bella Otero

C. japonica 'Bella Otero': cultivar nomeado en honor a Agustina Carolina Otero Igrexas (1868-1965). Nada en Valga, foi unha das personaxes máis destacadas da belle époque nos círculos artísticos e na vida galante de París. Publicáronse libros e artigos sobre a súa vida, e tamén existe unha película protagonizada pola actriz mexicana María Félix e unha serie de televisión italiana con Ángela Molina interpretando a Bella Otero.
Ficha técnica

Camelia ane Andresen

C. japonica 'Dona Jane Andresen': cultivar dedicado a Joana Enriqueta Lehmann Andresen (1861-1938), escultora e apaixonada da floricultura que adquiriu, en 1895, a Quinta do Campo Alegre, que na actualidade alberga o Xardín Botánico do Porto.
Ficha técnica

Juana de Vega

C. hibrida 'Juana de Vega': recibe o seu nome da condesa de Espoz e Mina (1805-1872). Esta escritora coruñesa destacou polo seu gran labor social e cultural. O seu obxectivo foi axudar a saír da pobreza as nenas e nenos do campo galego mediante a educación e contribuír ao desenvolvemento do medio rural de Galicia. Tras a súa morte en 1872 legou gran parte dos seus bens para crear a Fundación Juana de Vega que hoxe en día segue a traballar para manter o seu legado.
Ficha técnica

 

Sofía Novoa

C. japonica 'Sofía Novoa': recibe o seu nome da pedagoga e música nada en Vigo en 1902 que quixo acercar a música a todas as etapas do estudo. Buscaba a excelencia en todos os seus proxectos e na súa propia vida, cun obxectivo pouco frecuente nas mulleres de comezos do século XX: conseguir unha vida independente e profesionalmente gratificante.
Ficha técnica

Emilia Pardo Bazán

C. japonica 'Emilia Pardo Bazán': esta escritora coruñesa foi precursora do feminismo e unha das figuras máis importantes da literatura da segunda metade do século XIX español (1851- 1921).
A pesar das dificultades, pois naquel entón as mulleres tiñan prohibida a educación universitaria, foi a primeira representante feminina en ocupar unha cátedra de literatura na Universidade Central de Madrid. Tamén foi a primeira muller socia do Ateneo de Madrid, chegando a ser presidenta da súa Sección de Literatura.
Compartiu ideas e amizade con María Vinyals, de feito, visitou o castelo de Soutomaior e o Sanatorio Lluria xunto á súa filla Carmen.
Ficha técnica

Jimena Fernández de la Vega

C. japonica 'Jimena Fernández de la Vega': Nomeada en homenaxe a doutora  Jimena Fernández de la Vega (1895-1984).  Foi, xunto coa súa irmá xemelga, Elisa, a primeira muller licenciada en Medicina pola Universidade de Santiago, obtendo ademais o Premio Extraordinario en 1919. Destacou polo seu labor en medicina e investigación da xenética aplicada á saúde de feito, é considerada pioneira da Xenética Médica en España. Recentemente foi elixida como científica do ano 2021 pola Real Academia  Galega de Ciencias.

Ficha técnica

Camellia japonica Maria Casares’

Camellia japonica ‘María Casares' nomeada en homenaxe á coñecida coma "a artista do exilio republicano", pois foi considerada unha das grandes damas do teatro francés do século xx, no seu libro Résidente privilégiée narra a súa infancia en Galicia, a adolescencia en Madrid e o exilio en Francia tras o estalido da Guerra Civil. Morreu sen descendencia e doou os seus bens á República Francesa para crear unha escola de teatro.

Ficha técnica