Rutas
Ruta da Camelia
A Ruta da Camelia é un percorrido por pazos, parques e o castelo de Soutomaior, lugares nos que loce en todo o seu esplendor esta flor oriental que atopou o seu paraíso nas Rías Baixas. Fermosas variedades con distintos tamaños e cores esténdense por todos estes magníficos xardíns da provincia de Pontevedra e constitúen un verdadeiro espectáculo no inverno, cando se produce a floración.
As casas señoriais foron as primeiras en gozar da beleza e o aroma da camelia, que despois encheu de cor outros xardíns públicos e privados. O parque do castelo de Soutomaior foi declarado Xardín de Excelencia Internacional en Camelia en 2012; tamén gozan desta distinción os pazos de Rubianes (Vilagarcía de Arousa ), A Saleta (Meis) e Quinteiro da Cruz (Ribadumia).
Completan a Ruta da Camelia os xardíns dos pazos de Oca (A Estrada), Lourizán e Gandarón (ambos en Pontevedra), o Museo Quiñones de León e o parque do Castro (ambos en Vigo).
![Castelo de Soutomaior](/documents/355674/356279/Castillo+Soutomaior_1.jpg/f7c9b8cb-be91-4cf8-9fff-2a94edd30b40?t=1548068958358)
![Castelo de Soutomaior](/documents/355674/356279/Castillo+Soutomaior_2.jpg/36dd25bb-3f4b-4d5c-ab16-7ba93ff31a3c?t=1548068957329)
Ruta Pedro Madruga
Castelos, torres e fortalezas dominaron o territorio da provincia de Pontevedra no Medievo e foron escenario de grandes batallas. A Ruta Pedro Madruga percorre estes monumentos a través da figura de Pedro Álvarez de Sotomayor, máis coñecido como Pedro Madruga, quen protagonizou grandes acontecementos e loitas de poder no século XV.
Este nobre fixo do castelo de Soutomaior o centro neurálxico do sur de Galicia e levou á liñaxe dos Sotomayor aos seus días de maior gloria. A ruta percorre, ademais desta impresionante fortaleza, outros oito lugares vinculados á traxectoria vital e aos conflitos bélicos nos que tivo un papel principal Pedro Madruga, quen, ademais de señor de Soutomaior, era conde de Caminha , vizconde de Tui e mariscal de Baiona.
Deste xeito o itinerario pasa polo castelo de Sobroso (Mondariz); as fortalezas de Salvaterra de Miño e Monte Boi (Baiona); as torres da Lanzada (Sanxenxo), San Sadurniño (Cambados) e Fornelos (Crecente); e as cidades de Vigo e Baiona.
![Castelo de Soutomaior](/documents/355674/356279/pedro-madruga.jpg/02f42009-ed04-458c-a966-d2f2660e06d3?t=1548069709496)
![Castelo de Soutomaior](/documents/355674/356279/mapa_ruta-pedro-madruga-riasbaixas.jpg/f6d0cee2-9b95-4358-92e7-55d0b1fc5839?t=1548069709305)