“Ademais das tres árbores recoñecidas como senlleiras, contamos con outras xoias do patrimonio histórico e botánico. ”

XARDÍN HISTÓRICO

A mellor forma de coñecer o xardín é a través das visitas guiadas que ofrece a Deputación de Pontevedra, para as que se recomenda reservar previamente na web. Tamén se pode visitar de forma libre; na oficina de información danse consellos útiles de forma individualizada. Ademais, cada árbore leva unha etiqueta co nome da especie e o mapa do xardín é moi descritivo e manexable.

Neste apartado mostrámosche un percorrido para coñecer algunhas das especies máis emblemáticas:

Ximnospermas

Por orde alfabética as primeiras en aparecer no catálogo botánico do predio son as coníferas do xénero Abies, entra as que destaca o pinsapo, Abies pinsapo Boiss. Na parte central do parque hai un impresionante exemplar que mide preto de 30 metros, o maior representante da especie en Galicia, aínda que, en verdade, non existe moita competencia porque apenas hai pinsapos na nosa comunidade. No predio de Soutomaior podemos ver outro pinsapo, moito máis novo, concretamente no patio de armas. Outros xigantes son as araucarias da illa de Norfolk, Araucaria heterophylla (Salisb.) Franco. Os dous exemplares do parque botánico superan os 36 metros de altura e son moi fáciles de identificar pola súa grande envergadura e perfecta simetría. Destacan tamén polo seu elevado porte os centenarios cedros de California, Calocedrus decurrens (Torr.) Florin., que se distinguen facilmente polo aspecto da cortiza, rugosa e con fendas.

Tamén é curiosa a cortiza do abeto de Douglas, Pseudotsuga menziesii (Mirb.) Franco, que se asemella ás sobreiras, aínda que se diferencia polas súas inconfundibles piñas, con brácteas trífidas. Os exemplares do parque botánico foron elixidos polos marqueses de la Vega de Armijo y de Mos, polo que teñen arredor de 150 anos e superan os 30 metros de altura. Eugenio Carlos de Hostos y Ayala adquiriu o castelo e os seus terreos no ano 1935. O seu sobriño, Carlos Alvear, enxeñeiro de Montes, encargouse de aumentar a diversidade da colección iniciada polos marqueses. Grazas a iso, contamos con numerosos exemplares de pícea de Sitka, Picea sitchensis (Bong.) Carr., unha especie pouco frecuente en Galicia. A Deputación de Pontevedra, propietaria actual, implícase tamén na conservación e mellora constante; así escolleu dous exemplares de xinkgo (Ginkgo biloba L.), que achegan un gran valor ornamental polo bonito efecto decorativo das súas follas, que adquiren unha cor amarela dourada antes de caer.

Pola súa banda, a Cryptomeria japonica 'Elegans', de folla perenne, tamén presenta unha follaxe que cambia de cor, verde na primavera e marrón avermellada no outono e inverno. Os maiores exemplares sitúanse na zona axardinada fronte á Pousada. En cambio, o cipreste calvo, Taxodium distichum (L.) Rich,é unha das poucas coníferas de folla caduca que existen, por iso se lle coñece con este nome. No parque botánico hai dous exemplares, un situado na zona superior do pomar e outro no camiño que pasa por enriba do estanque cara á sequoia. Nesa zona, xunto a unha impresionante tuia xigante, tamén se atopa Tsuga canadensis (L.) Carr., que pode superar os 25 metros de altura. É espectacular tanto polo porte coma polas súas pequenas piñas, que lle confiren un aspecto moi decorativo.

Anxiospermas

Ao acceder ao xardín vese unha impresionante magnolia (Magnolia grandiflora L.) centenaria, especie orixinaria de América do Norte. Seguramente os marqueses elixiron esta especie pola súa elegancia e vistosidade; as súas flores brancas son visibles desde finais de primavera ou principios de verán. Tamén conta con plátanos de sombra (Platanus hybrida Brot.) centenarios que xa aparecen en fotografías de finais do século xix ou principios do xx, nas que María Vinyals pasea polos xardíns; o conxunto destaca polo seu crecemento natural e alcanza os 40 metros. Non chegarán a esa altura os acivros (Ilex aquifolium L.) máis antigos do predio, mesmo poden chegar a pasar desapercibidos, pois trátase dunha especie de arbusto ou pequena árbore. Con todo, tamén teñen gran valor; de feito, un deles é da variedade 'Ferox', con espiñas por toda a parte superior da folla, e supera os 13 metros, polo que posiblemente sexa o maior exemplar deste cultivar en Galicia.

Preto dos acivros, na zona superior do parque botánico, atópase un exemplar de casuarina dos ríos (Casuarina cunninghamiana Miq.), pouco habitual en Galicia. Pola súa orixe tamén se coñece como “piñeiro de Australia”; parécese a un piñeiro, pero con follas máis finas, e o que parecen acículas, en realidade son talos. As verdadeiras follas apenas se ven; son unhas escamas dispostas a modo de aneis nos nós desas fráxiles ramiñas. O eucalipto prateado (Eucalyptus cinerea F. Muell ex Benth.) tamén procede de Australia e é pouco frecuente na nosa comunidade. As súas follas redondeadas son moi decorativas pola súa tonalidade agrisada; de feito, tamén se lle coñece como "eucalipto azul" ou "eucalipto dólar prateado”. En Soutomaior é posible velo ao comezo da senda do bosque, preto do edificio de apeiros. Sen irnos moi lonxe, na zona de entrada ao aparcadoiro, atópase o tulipeiro da Virxinia (Liriodendron tulipifera L.), cuxas flores amarelas con forma de copa son moi ornamentais e aromáticas; tamén a súa coloración outonal é espectacular, con tons dourados que chaman moito a atención.

Hai varias especies de tileiro presentes tanto no parque coma na zona forestal. Sen dúbida, os exemplares máis fotografados son os que se atopan custodiando a fonte da Marquesa, pois forman un conxunto simétrico único coa impresionante sequoia e cos dous espécimes de Camellia x williamsii 'Jury's Yellow’. As hortensias florecen no verán e decoran os camiños que rodean a fortaleza desde hai máis de cen anos. María Vinyals, no seu libro publicado en 1904 El castillo del marqués de Mos en Sotomayor, describe o paseo de hortensias, que aínda hoxe poden contemplarse.

Un caso á parte son os fentos arbóreos, Cyathea cooperi (F. Mueller) Domin., que pertencen á división das pteridofitas. Orixinarios de Australia, poden alcanzar os 9 metros de altura. Teñen aspecto de palmeira, cun tronco delgado sen ramificacións que sostén un penacho de grandes follas. Existen varios exemplares de produción local que proveñen da Estación Fitopatolóxica Areeiro, onde foron obtidos nos seus laboratorios por cultivo in vitro.